Carmen Lence Ferreiro, patroa por responsabilidade

Carmen Lence Ferreiro, patroa por responsabilidade

Reportaxe publicada en El Progreso na sección «Madera de Líder».

Carmen Lence, conselleira delegada, aspira a que o Grupo Leche Río, que dirixe, ascenda no próximo lustro do noveno ao quinto posto na clasificación nacional do sector.

A morte dun ser querido pode trastornar os proxectos profesionais e mesmo vitais dunha persoa. Ese foi o caso de Carmen Lence Ferreiro (Lugo, 1970). Logo do pasamento do seu pai, hai case un ano, abandonou a súa acomodada vida alén do charco, a máis de 5000 quilómetros de distancia, para empuñar as rendas do emporio creado por Jesús Lence. Asumiu esa decisión, segundo asegura, «por responsabilidade». Un paso adiante que supón un gran sacrificio persoal. O seu marido, que é un alto executivo dunha multinacional farmacéutica, e os seus dous fillos, un neno de 13 anos de idade e unha nena de 11, seguen vivindo en Boston (Estados Unidos).

«Se nós desaparecemos, o sector lácteo galego quedaría en mans foráneas. Iso como galega, como filla do meu pai, non o podo permitir. Sería moi triste e non habería xustificación ningunha», afirma esta empresaria.

Carmen Lence, que asegura que se sente «moi afortunada» e que é «unha honra que o meu pai deixase a empresa nas miñas mans», fai patria. Leva como bandeira o apego da firma á terra que a viu xermolar hai máis de 40 anos. «O Grupo Leche Río é único. Á parte de ser unha empresa familiar e a única de capital integramente galego, é a industria galega que máis leite recolle nesta comunidade autónoma; todo o transforma en Galicia e, xa que logo, todo o valor engadido queda en Galicia», salienta.

Leva case un ano á fronte do hólding —ademais de no lácteo, ten intereses no sector da hostalería e no das estacións de servizo, entre outros— e, malia que Jesús Lence deixou todo atado e ben atado, xa se nota a súa man no seu xeito diferente de dirixir a empresa. Iso si, apenas fixo cambios no despacho que foi de seu pai e que agora ocupa ela, onde se realiza a entrevista.

JESÚS LENCE REXEITOU TODAS As OFERTAS QUE RECIBIU Ao longo da súa VIDA PARA VENDER O GRUPO LECHE RÍO

Explica que Jesús Lence a dirixía «dunha forma personalista». Tiña, como se adoita dicir, toda a empresa na cabeza. «Era un crack negociando e aprendín moito del. Quen me dera ser unha cuarta parte de boa do que foi el», precisa.

«Deixou unha empresa moi sólida, sen débedas, que dá beneficios, cun persoal moi fiel… A permanencia media é de 12 anos e hai quen leva 38 traballando connosco», apunta.

Lembra que o seu pai tivo ao longo da súa vida varias ofertas enriba da mesa para vender o seu grupo, pero que as rexeitou.

Carmen Lence, que asegura que ten «unha boa capacidade para escoitar, aprender rápido e adaptarse á situación», aposta por «un cambio de cultura empresarial».

«A clave é rodearse de xente boa e saber escoitar, e o meu traballo é tomar decisións baseadas nunha boa información», afirma a conselleira delegada do Grupo Leche Río, que recorda que o seu pai a advertía de que «o difícil era, sobre todo, tomar decisións duras e mantelas». Asegura que sempre lle dicía: «Carmen non te preocupes; ocúpate».

Renega do que denomina como «parálise por análise»: deixar pasar o tempo sen atreverse a dar un paso á fronte porque daquela se corre o risco de que se anticipe «a competencia».

REFORZARÁ As MARCAS PROPIAS EN DETRIMENTO DAs BRANCAS QUE ENVASA PARA A DISTRIBUCIÓN

Carmen Lence, que ten o ambicioso obxectivo a cinco anos de ascender o grupo do noveno ao quinto posto na clasificación nacional do sector, aposta por reforzar as marcas propias (Río e Leyma) en detrimento das brancas que envasa para a distribución, unha liña de negocio que xa iniciou o seu pai.

«Trátase de sacar un produto con maior valor engadido para gañar máis e así poderlles pagar mellor aos nosos provedores e empregados», explica.

A figura de Jesús Lence está sempre presente nas súas palabras. Cando ela bota a vista atrás, coméntanos que a compañía que dirixe hoxe en día foi froito dun exercicio de superación. «O que parecía o principio da fin converteuse no maior éxito empresarial de meu pai», sinala.

SOSTÉN QUE seu PAI REPRESENTABA VALORES COMO A CORAXE, A PERSEVERANZA, A INICIATIVA E A COLABORACIÓN

Jesús Lence sempre dicía que desembarcou neste sector por «unha casualidade do leite», segundo recorda a súa filla, que precisa ademais que el aseguraba que nunca muxira unha vaca e que mesmo lle infundían respecto os seus cornos.

Pero difire desa irónica reflexión que facía o seu proxenitor, porque cre que o crecemento do grupo se esteou en catro valores que el representaba: «coraxe, perseveranza, iniciativa e colaboración».

Quen foi o empresario lácteo galego máis influente empezou de rebote. A mediados dos anos 70 dedicábase á venda de gasóleo. Viuse co barazo ao pescozo por causa do que lle debía un empresario que gañaba a vida transportando leite. Cando Jesús lle esixiu que lle pagase porque se non ía á ruína, aquel entregoulle en compensación os tres camións cisterna que tiña. Para que eses vehículos lle resultasen rendibles comezou a transportar leite a Francia.

Carmen Lence lembra que o seu primeiro contacto coa empresa familiar foi na estación de servizo que tiña daquela seu pai na Nacional VI, no Corgo. Apenas tiña ela 10 ou 11 anos. Necesitaba empoleirarse a unha caixa de refrescos para poder chegar á rexistradora e teclear os importes das recargas de gasolina.

CONSIDERA QUE A EMPRESA FAMILIAR É UN PRIVILEXIO E UNHA RESPONSABILIDADE

Alcanzada a maioría de idade, cando cursaba Empresariais en Lugo, ía á clase pola mañá e á fábrica pola tarde. «Para meu pai era importante aprender traballando», sinala a conselleira delegada, que sostén que «a empresa familiar é un privilexio e unha responsabilidade».

Mais o seu propósito daquela era rematar a carreira fóra do país, aprender inglés e traballar para outras empresas. Así, a principios dos 90 decidiu marchar ao norte de Inglaterra a finalizar os seus estudos universitarios. Traballou en Londres e despois en Madrid, onde realizou o Máster International MBA no Instituto de Empresa, considerada unha das principais escolas de negocios do mundo.

Regresou a Lugo a principios da década pasada, cando Jesús Lence ultimaba a compra de Leyma coa súa planta en Arteixo (A Coruña). Exerceu durante case tres anos como directora comercial do grupo lácteo.

No 2005 volveu facer as maletas e marchar debido ás obrigas profesionais do seu marido, que foi destinado a Tokyo. Ata que empuñou as rendas do emporio creado por Jesús Lence botou 14 anos vivindo en medio mundo. Ademais de na capital xaponesa, residiu en Basilea (Suíza), San Francisco (Estados Unidos), Atenas (Grecia), Milán (Italia) e Boston (Estados Unidos).

IMPARTIU CURSOS DE FORMACIÓN A ALTOS EXECUTIVOS DE FACEBOOK, GOOGLE Ou ROCHE PARA A UNIVERSIDADE DE CALIFORNIA EN BERKELEY

Durante a súa primeira estadía no país das barras e estrelas comezou a traballar para a Universidade de California en Berkeley, impartindo cursos de formación para executivos.
«Tiven a oportunidade de tratar con executivos de grandes empresas (Facebook, Google, Roche…) e de aprender deles. Observaba as características dos
CEO que teñen máis éxito e dos equipos máis produtivos», afirma Carme Lence, que asegura que eses coñecementos son os que lle quere «trasladar» á súa empresa. Sen perder de vista que, na súa opinión, «o verdadeiro xefe» é o cliente, que considera que é «moi esixente» coa calidade.

«Temos que poñer aí fóra un produto que nós comprariamos como clientes e que reflicta como somos nós», precisa a conselleira delegada.

DE PRETO

En feminino: É das contadas mulleres que está á fronte dunha grande empresa na provincia de Lugo. Non é partidaria das cotas femininas, pero recoñece que de non ser por elas «nos consellos de administración promocionaríanse homes».
Igualdade: En tres das catro fábricas do grupo hai mulleres en cargos de responsabilidade como xefas de planta, produción ou calidade.
En cifras: O Grupo Leche Río, con catro plantas que envasan en total uns 750 000 litros de leite diarios, factura arredor de 135 millóns de euros anuais e conta con 230 traballadores.
Provedores: Recolle o chamado ‘ouro branco’ nunhas 430 explotacións galegas.
Presenza internacional: Comercializa os seus produtos en Mauritania, Libia, China, República Dominicana, Portugal, Francia e Alemaña.