A entrada de materia prima de fóra a baixo custo supón un gran perigo para o sector
Entrevista a Carmen Lence, conselleira delegada de Grupo Leche Río
Publicada en El Correo Gallego
Cunha produción que aumentou neste período de confinamento, o Grupo Leche Río segue comprometido con Galicia e con todos os gandeiros da terra. No entanto, a empresa familiar galega avisa do perigo que supón para o sector a entrada de materia prima de fóra a prezos extremadamente baixos.
Que representa o Grupo Leche Río para o sector lácteo galego?
Tendo en conta que Galicia é a maior produtora de leite de España, o Grupo Leche Río é a única empresa láctea galega na clasificación das dez máis grandes de España. Somos a empresa galega que máis leite recolle en Galicia. Coido que é un grupo moi importante para a nosa comunidade, xa que, se nós desaparecemos, o sector lácteo galego quedaría principalmente nas mans de empresas de fóra.
Como é a relación que teñen cos gandeiros?
Somos unha empresa familiar galega con máis de 40 anos de historia e, igual que outras empresas familiares, estamos moi arraigados na terra e na sociedade na que vivimos. Por iso, só compramos leite aquí, a granxas familiares galegas. Transformamos todo nas nosas plantas de Lugo e A Coruña, deixando todo o valor engadido en Galicia e contribuíndo a manter o campo galego vivo con prezos xustos e contratos anuais.
A declaración do estado de alarma xeroulles algunha problemática?
Hoxe en día, como consecuencia do coronavirus, estamos a vivir unha situación na que hai un exceso de produción nos nosos países veciños (Francia e Portugal) e, aproveitando o mercado libre, está entrando leite en España a prezos moi baixos. Isto supón un perigo tanto para empresas coma a nosa —que respectan contratos anuais e valoran a relación a longo prazo coas ganderías familiares que nos abastecen— coma para o gandeiro galego en xeral. As empresas que teñen plantas fóra de Galicia non teñen dificultade en deixar os gandeiros galegos se obteñen prezos máis competitivos fóra.
Con respecto á produción, como lles influíu este período de confinamento?
Ao termos contratos anuais e ao traballar diariamente con cincocentas granxas familiares galegas, contamos cunha entrada de materia prima estable, tanto antes como durante o confinamento, así que a nosa marxe de manobra para subir a produción con destino a Galicia cinguiuse a demorar os pedidos para a exportación e a reducir a mínimos históricos o que normalmente almacenamos. Daquela, as vendas en marzo aumentaron un 20 %, pero agora xa se estabilizaron.
Que medidas están a tomar para garantir a frabricación e a seguridad?
A calidade do produto e a seguridade dos nosos traballadores son as nosas principais preocupacións. As nosas plantas están certificadas pola norma IFS, que garante a seguridade alimentaria. Á parte disto, durante este tempo a xente de administración e todos os que poden traballar fóra das nosas instalacións realizan teletraballo. Igualmente, a toda persoa que entra na planta se lle toma o control de temperatura e, ademais, as quendas de fabricación están programadas para que non se mesturen e evitar así posibles contaxios entre traballadores. Gárdase a distancia de seguridade, cun operador por máquina, e utilízanse máscaras e luvas.
Polo tanto, o principal problema é a falta de control do produto que entra de fóra de España?
Coidamos que é importante que as autoridades e os consumidores tomen conciencia do perigo que supón que veña materia prima foránea a baixo custo. O campo galego sufriu moito polo tema de prezos e non queremos volver atrás. Entendemos o mercado libre, mais sempre baixo unhas regras, non coa posibilidade de vender excedentes a baixo prezo no noso país. Cómpre que as autoridades, igual que nos esixen a nós que manteñamos os prezos, agora defendan o gandeiro e a industria controlando a entrada de excedentes de leite. Debemos ter en conta este perigo para o agro e a economía galegas e para a recuperación económica do país.
Por último, e en relación coa súa vinculación ao territorio, teñen en marcha algunha campaña solidaria nestas datas?
Nós somos solidarios durante todo o ano, doando leite non só agora, senón que o facemos durante todo o ano, dunha maneira constante. Levamos moito tempo colaborando co banco de alimentos, doándolle leite cando a necesitan, e agora máis aínda. Amais, tamén doamos a outras organizacións, como a Cruz Vermella, asilos de anciáns ou a asociación contra o cancro.
A isto súmase o noso apoio ao deporte galego, non só patrocinando equipos coñecidos, como o Leche Río Breogán ou o Leyma Basket, senón tamén apoiando o deporte local.
Estamos en momentos de incerteza, difíciles para moitas familias. Sentímonos orgullosos de poder achegar o nos baguiño traballando para que non falte un produto esencial coma o leite na mesa de moitas familias.